A igrexa de Louredo está chea de pingueiras. A parroquia non dispón de medios económicos para facer fronte á reparación. Será necesario sacar diñeiro de onde sexa. Por outro lado, debido as tarefas de reparación, Horacio Casares verase obrigado a levar a misa fóra da igrexa, pero vaise atopar coa negativa de Delmiro, o alcalde ateo da vila. Ante o problema das pingueiras e a tardanza en arranxar as obras, Horacio decide dar a misa na praza da vila, o que trae non poucos problemas. Por una lado as protestas do vello crego ante o bispo e, pola outra, o alcalde que intenta impedir que se celebre. Don Crisanto sorprende ao alcalde con Maite e sácalle unha foto que logo emprega para "convencelo" de que consinta en bendicir a sala do Concello onde, por presións dos veciños, non lles quedou máis remedio que autorizar a celebración da misa.
Costumismo, sentimento pero, sobre todo, moito humor, danse a man nesta nova cita coa ficción galega de Padre Casares, que aquí lle dá distintos matices a unha crónica dunha vila mariñeira (Redes, na ficción San Antón de Louredo), onde a chegada dun cura novo e moi peculiar vai desencadear moitos acontecementos e escribir unha nova páxina na historia da vila. Horacio Casares, o novo cura de Louredo, é un home de gustos refinados e espírito ávido de novos coñecementos, así que se vai deixar tentar para participar nunhas clases de baile de salón, algo moi pouco visto nun sacerdote e menos nunha vila pequena. Doutro lado, chegada a hora de pintar a igrexa, a polémica está servida, xa que Miñato, o encargado das tarefas de reparación do templo, elixe para a ocasión unha cor verde que, segundo o parecer de moitos fregueses, non sería a máis axeitada.
Abofé que os tempos cambian e coa modernidade chega o libre mercado que, como a todo o demais, aféctalles tamén aos proveedores da igrexa da que o Padre Casares é o novo párroco. Un incidente acaecido na parroquia de Louredo levará o novo párroco -que está a revolucionar os hábitos da vila- a pensar que tal vez sexa o momento de cambiar o provedor das obleas. O problema vai chegar porque a provedora de toda a vida, Lidia, é tamén a dona do bar e do ultramarinos da vila... Doutro lado, o alcalde comunista da vila, Delmiro, sorprenderá os veciños con unha iniciativa que levará ao enfrontamento dos cidadáns: movido por un espírito laico, o rexedor pretende cambiar o nome da vila de Santo Antón de Louredo, a Louredo sen máis...
San Antonio de Louredo, localidade onde transcorre a acción da serie Padre Casares, vive unha nova xornada de aventuras e desventuras desde que o seu cura, novo e moderno, chegou á vila mariñeira sen deixar a ninguén indiferente. Nesta vila, como en moitas outras pequenas localidades de Galicia, é tradición custodiar as imaxes dos santos nas casas dos veciños. Pero, ás veces, a devoción tórnase ambición... Neste particular, as obras da igrexa farán necesario que alguén coide da imaxe do Santo Antonio, dun xeito especial. Trátase dunha gran responsabilidade e nin Amelia nin Lidia queren ser menos ca outra... Á marxe destes enfrontamentos, o Padre Casares tomará unha decisión: o despedimento de Santi. Desde outro lado, alleos a estes temas, os homes da vila acudirán a un curso de repostería no centro social, pero non precisamente porque teñan vocación de pasteleiros.
O fillo de Delmiro e a sobriña de Amelia queren casar pola Igrexa, e todo sería moi doado se non fora pola negativa de Delmiro, ateo declarado, que non quere que seu fillo faga unha voda relixiosa... Doutro lado, vaise ver un novo capítulo nas polémicas que envolven ao párroco Horacio, recentemente chegado á vila de Louredo, xa que, despois do despedimento de Santi, Horacio Casares contratará a unha muller chamada Cecilia, unha decisión que lle custará ao párroco as críticas de máis dun veciño...
Neste novo episodio a xente da vila vai descubrir que o cura moderno e acabado de chegar, Horacio Casares, leva un tempo asistindo a clases de baile, nunha academia onde coincide coa profesora do colexio. Pero dada a condición relixiosa de Horacio os dous amigos levan en secreto a súa afección compartida, aínda que non poderán impedir que salten os rumores que corren como a pólvora por toda a vila. Doutro lado, Josito pretende ser funcionario do concello, pero o cuñado do alcalde cre que a simple relación familiar xa é dabondo... e por se acaso está disposto a pechar o acordo subornando o seu cuñado con un xamón.
Na vila de Louredo ninguén renuncia á sorpresa, por obra e graza, desas conversións que aparecen cando ninguén as agarda... así ocorre cando morre dun infarto Amador, o pai de Maite -a guapa da vila-, mentres está a xogar a partida no bar de Lidia e Sindo. Da tristura, os veciños de Santo Antón de Louredo pasan á sorpresa, xa que Amador, un suposto ateo convencido, deixa escrita a súa última vontade: quere unha misa pola súa alma. Conmovidos, os veciños deciden crear un coro na vila para que cante na misa do defunto. Pero o coro precisa dun local e Delmiro, o alcalde "roxo", enfadado pola traizón ideolóxica de Amador, non está disposto a ceder o uso do local social e monta un coro laico pola súa conta...
Unha serie de feitos encadeados e coincidentes no tempo propicia que na vila de Santo Antonio de Louredo medre a psicose na súa versión máis supersticiosa e que, unha vez máis, o Padre Casares, un cura afeito aos novos tempos, teña que tomar cartas no asunto apelando á razón da súa freguesía; aínda que, iso si, sen desprenderse da súa encantadora compresión polos medos e temores dos veciños, que andan perplexos ante a cadea de accidentes que irán acontecendo a uns e a outros... Doutro lado, parece que entre Elsa, unha das beatas da vila, e Sindo, o dono do bar e da tenda -e home de Lidia- está a nacer algo máis ca unha relación de colegas entre as dúas mellores voces de Louredo...
Chega o momento de cumprir con unha das tradicións de Louredo, como é a colecta anual para os máis desfavorecidos, pero a tradición terá diante coma sempre as propostas do novo cura, Horacio Casares, que decidirá introducir algunhas innovacións no sistema de recollida dos cartos. Iso si, a exquisita sensibilidade do Padre Casares terá en conta non facer de menos a D. Crisanto e ten previsto darlle ao vello unha responsabilidade especial. Desde outro ángulo da vila mariñeira, Elsa, a beata, devece definitivamente por Sindo, o home de Lidia, e a paixón da muller é tal que a pobre anda apampada todo o día chegando incluso a acosar a Sindo cada vez que coincide con el no coro. A situación acabará complicándose cando, por mor dunha nota escrita pola muller, chega a mans da persoa menos indicada.
Na vila de Santo Antón de Louredo parece que o namoramento de Elsa está a provocar certos danos colaterais e o primeiro prexudicado é Delmiro, o alcalde comunista, a quen un malentendido o porá entre a espada e a parede. Por iso cando Moncha -a súa dona- quere botar a Delmiro da casa, unha vez máis, faise necesaria a mediación do Padre Casares. Doutro lado, parece que Iria, a profesora do colexio, ten un admirador que resultaría ser Paulo, o profesor da academia de baile, con quen vai aceptar quedar para tomar un café despois de clase; pero, para sorpresa de Paulo, a moza aparecerá acompañada pola súa amiga Maite.
A aparentemente tranquila vila de Santo Antón de Louredo non para de ofrecer distintas arestas dun mundo que parece alleo ás influencias externas pero que vai cambiar moito coa presenza do novo cura, o Padre Casares. Aínda que pareza mentira, as vidas dalgúns veciños atravesan importantes convulsións, así como a do propio Horacio Casares, que comeza a sentir algo que o leva incluso a dubidar sobre algúns principios que rexen a súa vida, e o motivo ten nome de muller...a mestra da escola. Doutro lado, está o caso de Delmiro, que está desesperado por regresar coa súa muller, pero Moncha porá como única condición que ten que converterse e ir á misa, como todo fregués que se preste. A idea non lle fai moita graza a Delmiro, aínda que pola súa muller estaría disposto a facer case calquera cousa...
Difícil decisión a que ten na súa mente o Padre Casares. Horacio reflexiona moito sobre a súa vida desde que chegou a San Antón de Louredo e todo son dúbidas e máis dúbidas. Decídese a escribir unha carta ao bispo, quizais a máis difícil da súa vida porque non sabe como expresar o que sente, as súas contradicións, e tampouco quere desvelar as verdadeiras causas que o levan a tomar unha decisión sobre a súa vontade de marchar de Louredo. Aínda por riba, mentres redacta a carta é constantemente interrompido polas queixas de Elsa, que ten problemas cunha veciña. E o Padre segue perdido nun mar de dúbidas, reflexionando sobre as súas vivencias en Louredo, que non pode aturar máis aos veciños pero aos que tamén lles colleu un cariño especial... e tamén a Iria. Mentres tanto, volve a Louredo o tempo da matanza e por tanto a hora de matar ao porco, pero desta vez os veciños xa saben que non poden recorrer ao método tradicional.
Os veciños da vila de Louredo xa senten, de feito e de fe, como hai un antes e un despois desde a chegada do novo párroco, van vivir abraiados o momento en que o Padre Casares lles expoña a súa decisión sobre marchar ou non da vila, para poñerse a dispor do que é a súa verdadeira vocación, ser misioneiro. Pero finalmente algo sucederá...
Algo moi gordo tivo que suceder para que o xa ex párroco de Santo Antonio de Louredo decidira regresar. Pero se dous curas eran demasiados en Louredo, agora a cousa complicarase aínda máis; non debemos esquecer que a vila xa ten novo párroco. Por outra banda, o oficiosamente ex concello de Louredo ten un importante asunto pendente: necesita un novo nome no padrón.
Un bebé foi abandonado na casa do cura de Louredo e Horacio Casares, antes párroco da vila, vese na obriga a regresar. Pero, quen son os proxenitores do pequeno? Na localidade hai teorías para todos os gustos, aínda que moitos son os que xa botaron a lingua a pacer e adxudicáronlle a paternidade ao "Pater" máis famoso da TVG. O tempo corre rápido estes días en Louredo, un bebé, de pais descoñecidos, vaga entre entre dous limbos; o legal e o teologal. Delmiro aboga por rescatalo do primeiro e Crisanto do segundo; establecer prioridades xa é outro cantar. Mentres o concello e a parroquia pelexan pola tutela do neno, Horacio Casares investiga a orixe do pequeno;alleo aos comentarios que sobre el corren como a pólvora pola vila.
Demasiados cambios para unha vila tan pequena como Santo Antonio de Louredo. Primeiro a historia do bebé abandonado, aínda sen aclarar; e agora, a saída do armario dun veciño da vila. A vida na parroquia adáptase á actualidade a marchas forzadas. Novas de máis para os veciños máis tradicionais, e temas de conversación para os máis cotillas da localidade. Santo Antonio de Louredo aínda non se repuxo da sorpresa que supuxo o achádego dun bebé ás portas da casa do cura. O rapaz, aínda que moitos non o saben, chamarase Antonio. Agora o padre Casares intenta convencer a Fina para que confese, sen ningún temor, que ela é a nai do neno. Difícil tarefa, sobre todo, se se ten en conta que Fina é a filla de Puri, a veciña máis cotilla e intransixente de Louredo…
A semana pasada a vila mariñeira de Santo Antonio de Louredo vivía conmocionada por dous sucesos: o abandono dun neno na casa do párroco e o descubrimento do primeiro homosexual declarado da localidade. Unha vez máis, Horacio Casares exercía de mediador. Nesta ocasión, o conflito saldábase con varios lesionados. Horacio, Iria e Maite eran vítimas colaterais das labazadas perdidas. Pola súa parte, don Crisanto decidiu poñer punto final á suposta crise moral da vila. Cecilia, a sancristá moza, ante os reproches do sacerdote decidía abandonar o seu posto de traballo. Esta semana en Padre Casares, oferta de emprego para sancristáns.
O padre Casares e a vila de Santo Antón de Louredo van vivir hoxe unha xornada extraordinaria ao fío da actualidade, xa que van participar nun conto que está a circular por toda Galicia para celebrar o mes das Letras Galegas: a vila de maior éxito televisivo non podía quedar allea á efeméride cultural e ata ela vai chegar a caravana de O contador, a campaña institucional que botou a andar por todas as vilas galegas e que consiste na reconstrución dun conto en cadea co obxectivo de detectar diferenzas dialectais. Pois ben, o padre Casares vai ser un dos que non perdan esta oportunidade, como tampouco os fregueses de Louredo, que cando entren no Contador e preman o "play" van levar máis dunha sorpresa...
Santo Antonio de Louredo converteuse nun punto negro no mapa automobilístico. O motivo: a crecente falta de pericia de don Crisanto ao volante. O sacerdote maior non é consciente da súa falta de reflexos e os veciños decidirán poñer freo á situación, polas boas ou polas malas. As autoridades non poden facer nada porque o ex párroco conduce un coche dos que non necesitan carné. Cal será a solución?
Os espectadores e os habitantes de Santo Antón de Louredo recuperados xa do sorprendente resultado do sufraxio que lle outorgou a vitoria a D. Crisanto como novo alcalde, asistirán hoxe á súa toma de mando. Este feito provocará a ledicia dos veciños e o enfado de Delmiro, que non contaba con perder o cargo; amais, as primeiras decisións do cura traen polémica...
Os últimos capítulos da telenovela teñen enganchadas ás beatas da vila, ata tal punto que nin van a misa, e D. Crisanto non o pode crer, así que toma mans no asunto porque o Concello do que xa é alcalde non pode pasar por unha crise moral de tan elevado calado. Obrigado polo novo alcalde -cura, Miñato cumpre as súas ordes e corta os cables do repetidor deixando sen sinal a toda a vila. Pero Lidia idea instalar unha parabólica no bar, o que vai provocar unha nova disputa, pois fai que a vila se divida entre os partidarios da telenovela e os do fútbol.
As eleccións municipais celebradas recentemente en Santo Antón de Louredo e que trouxeron o cambio de alcalde están a ter diversas consecuencias, a primeira delas que un ex alcalde, como xa é Delmiro, non pode ser un taxista calquera, así que Moncha decide tunear o taxi do home para facer máis leve as aparencias do cambio de vida, e tamén lle busca outro traballo para que lle dea clases de conducir a Puri.
Algunhas das medidas que está a realizar o flamante novo alcalde de Louredo causan cando menos expectación na vila, e así unha das primeiras decisións de D. Crisanto é a prohibición de todo tipo de aloumiños e conduta considerada indecente en público. Cando Rodolfo manifesta querer casar co seu mozo, o ex párroco non o pode admitir por moito alcalde que sexa agora. Pero as protestas non se fan esperar e os veciños, con Lidia á cabeza, expresan o seu desacordo coa última decisión do alcalde: D. Crisanto non ve doada unha saída ao conflito e vaise ver na obriga de negociar con Delmiro unha retirada da política para retornar ao lado espiritual da vida....
En espera de novas negociacións entre o alcalde -párroco e o anterior rexedor, Delmiro, para retirarse da política, outras situacións reais e dramáticas reclaman a atención da freguesía, como por exemplo a situación de Fina, nai solteira, que precisa dunha solución, e quen mellor que súa nai Puri para buscala: Josito, solteiro, e case funcionario, preséntase como o mellor candidato para facer de pai. Pero nin Moncha nin, o que é máis importante, Fina nin Josito, están polo labor de que lles amañen a vida... Doutro lado, as clases de Educación para a Cidadanía volven dividir a vila e Iria, como mestra, está, unha vez máis, no centro dun novo conflito en Santo Antón de Louredo.
O Día de Defuntos é unha data que se celebra acorde a uns hábitos moi tradicionais. Isto ocorre en Santo Antonio de Louredo, localización ficticia de 'Padre Casares', onde amais se dá a circunstancia de que van concorrer as cerimonias dos católicos coas dos ateos, que teñen unha maneira moi distinta de entender a efeméride: o que para uns é un día de recollemento e de recordo de seres queridos para outros representa unha celebración máis pagá como é a chegada do inverno. Delmiro, o máximo defensor dunha vila laica, será a promotor da Festa do Samaín (que equivale ao Halloween galego) e non atopará mellor sitio para esta celebración pagá que diante da igrexa de Louredo... está por saber se entrarán en confrontación tan distintas celebracións.