Elsa e Rodrigo persisten no seu intento de explicar os seus alumnos de confirmación o verdadeiro espírito da Semana Santa, e o conflito entre Moncha e Puri resultou ser un auténtico filón. Pero os seus alumnos aínda non coñecen a parte máis interesante da historia...
Con Moncha erixida mártir pola vila de Louredo e Puri cativa no local social, en Delmiro comeza a facer madeixa a conciencia, esa terrible compañeira. Será capaz o alcalde de traizoar a súa propia muller? Urbano, o policía local, písalles os talóns coa súa particular investigación dos feitos, e tampouco se lle pasan certos detalles sospeitosos a Sindo, que buscará a verdade na súa veciña Puri.
Mentres tanto, Lidia e Elsa urden un plan para demostrar a santidade da súa amiga Moncha, pero os seus intentos, evidentemente, non darán co fin desexado. E, coma se de Xesús e Barrabás se tratase, Puri e Moncha acabarán por enfrontarse nun xuízo popular en que os veciños, como é de esperar, optarán por lavar as mans. Que para iso estamos en Semana Santa e Pilatos marcou estilo.
E, entre tanto balbordo, Amelia volverá á casa reitoral. O retorno da asistenta será recibido sen pena nin gloria polos seus veciños, demasiado ocupados coa disputa da primeira dama e a peiteadora. A situación acabará por minguar, definitivamente, a fe da muller, nos seus veciños e en Deus. Un calvario particular para unha muller que non o merece. Ou así o cre ela.