Un novo ano comeza para os protagonistas de 'Padre Casares', a serie da Galega que amosa a vida nunha vila costeira galega. Despois de que Don Horacio fose obxecto das burlas da freguesía da vila pola construción dun Belén 'realista' durante as festas do Nadal, o ano novo volve situar o Padre Casares no punto de mira de todas as críticas dos veciños: a sorpresa salta en Louredo ao descubrir que, no calendario que o Bispado envía todos os anos ás parroquias da diocese, aparece unha fotografía do cura progresista ilustrando o mes de xaneiro.
Como era de esperar, esta iniciativa de Don Horacio por converterse en 'míster xaneiro' causará todo tipo de reaccións en Louredo e mesmo nos arredores.