Urbano é incapaz de comprender os motivos polos que Sabela saíu fuxindo da igrexa, decide ir en busca da moza. Pero a ex-noviza parece que a tragou a terra. Todos en Santo Antonio de Louredo a buscan pero unicamente Maite é capaz de dar co seu paradoiro, converténdose en confidente da moza. Sabela está inmersa nun mar de dúbidas e non lle queda outra que elixir: Ou Deus ou urbano.
Mentres dura a súa indecisión, e sen novas súas, Urbano péchase na casa cun claro obxectivo: illarse do mundo exterior, algo que en Louredo é, cando menos, complicado. Os veciños, con Moncha á cabeza, non están dispostos a deixar só o policía no momento máis duro da súa vida e, por moita oposición que este poña, non é nada comparada coa teimosía do seus veciños. E, así, sen saber moi ben como, Urbano acaba instalándose na casa dos Ferreira a pesar da oposición de Delmiro. Pero a negativa do alcalde non durará moito, só ata o momento no que descubra que os talentos do municipal para as tarefas doméstico-gastronómicas, non teñen parangón.