Para comezar, en Cousas de Pilatos, as festas patronais son o evento por excelencia de Santo Antonio de Louredo. Pero nesta peculiar vila tamén a honra do patrón é asunto de discordia desde hai anos, polo que, chegados a estas datas, a pregunta que se fan os veciños é: haberá salto do porco?
Todo apunta a que si. Puri, nun alarde de xenerosidade e facendo gala da súa situación económica, compra o animal que, se ninguén o impide, se tirará do campanario da igrexa. A ex-peiteadora está disposta a que o seu xesto non pase desapercibido polo que gastará todo o diñeiro que sexa necesario para comprar un porco que se lembre durante anos. Delmiro, un dos principais valedores das festas, é o primeiro en ver o animal. A súa sorpresa é maiúscula cando descobre que o porco comprado por Puri é tan grande que esixe unha obra de enxeñaría só para transportalo ata Louredo. Moi na súa liña, lonxe de afrontar o problema, o alcalde decide evitalo, fuxindo o máis lonxe posible. E a quen lle cae o problema?, á alcaldesa substituta, ou sexa, a Maite, aínda que por pouco tempo, xa que ten a clara intención de non participar, nin para ben nin para mal, na celebración.