Delmiro, o alcalde de Santo Antonio de Louredo, está empeñado en levar a transparencia informativa ao concello mediante a creación dun consultorio que chama "Delmiro responde", un espazo informativo retransmitido a través da rede que o primeiro edil pretende utilizar como medio de comunicación cos seus votantes e para que os seus veciños estean ben informados, on line, de todo o que está a ocorrer na vila. Pero se algo caracteriza os louredanos é a súa capacidade natural para os chismes e se ese espírito de transparencia se estendese pola vila moitos segredos poderían acabar saíndo á luz.
Os primeiros afectados por esta obsesión de transparencia informativa será a incipiente parella formada por Fina e Josito, pois unha foto inocente, chegada ás mans menos axeitadas, fará pública a relación e os noivos pasarán a vivir o acoso e a curiosidade dos veciños, que tamén cren ter dereito a opinar...O feito fai que o propio alcalde ofreza cartos ao seu cuñado a cambio da información máis exclusiva. A paciencia da parella esgótase cando se converte en protagonista dunha "cornetada", unha polémica tradición que vai máis alá da liberdade de expresión...
Pola súa parte, o Padre Casares, alleo a estes chismes, quedará sorprendido cando coñeza o desexo de Maite de bautizar a pequena Iria e indagará nos verdadeiros motivos da funcionaria, que se declara agnóstica.