Contra todo prognóstico, a vila de Santo Antón de Louredo vai ser testemuña dunha situación para moitos insólita, xa que Fina e Josito deciden compartir teito e, para sorpresa do alcalde de Louredo, todo parece apuntar que tamén comparten cama. Pero Moncha, a muller do primeiro edil, vai vivir esta situación moi preocupada polo porvir de seu irmán, xa que é case funcionario e, na súa opinión, é todo un partido para a "pendanga" de Fina. Namentres, prodúcese overbooking na parroquia de Santo Antón de Louredo por mor das obras que se están a acometer na capela de Castro, así que o Padre Casares suxírelles aos afectados que vaian á misa a Rialto; pero o malo é que como Louredo parece ter máis "caché", os veciños visitantes son moi madrugadores e chegan para ocupar os mellores asentos da igrexa, algo que as beatas de Louredo non poden consentir...
Consciente da situación, o Padre Horacio intentará axilizar as reformas e buscará novas fórmulas de financiamento, como sacar á venda unha serie de estampas do santo patrón; amais, todo Louredo participará nun concurso literario para elixir a oración máis bonita a Santo Antón, aínda que Horacio terá que estar moi atento aos poemas dos veciños, pois ás veces non é o Espírito Santo a súa fonte de inspiración.