Santo Antonio de Louredo amence conmocionado. A señora Carmucha, a persoa máis lonxeva da vila, e que por iso os veciños adoitan chamar "a avoa de Louredo", non garda un segredo concreto sobre as razóns da súa lonxevidade, pero o certo é que non se privou xamais de ningún capricho sendo os pasteis a súa maior devoción. Tanto cariño lle profesan os seus paisanos que a van nomear filla predilecta da vila, organizándolle unha homenaxe en secreto, pero que non van poder cumprir porque a morte sorprenderá á pobre Carmucha de maneira moi plácida e na compaña dalgún dos seus mellores amigos.
O concello promete un funeral multitudinario, pero algo moi serio vai estragar o tránsito de dona Carmucha ao máis alá, pois os operarios municipais van atopar no nicho os restos dun descoñecido, producíndose un escándalo que chega mesmo ata o bispado. Pero o máis intrigante é que ao descoñecido lle falta un dedo. Aínda así, este non vai ser o único chisme da vila, pois coa proximidade das festas do Nadal vai chegar unha visita inesperada, Dona Divina, a nai de Horacio Casares e a muller máis elegante e con mellor arrecendo que xamais coñeceron os habitantes de Louredo.