A gran noticia desta semana en Santo Antón de Louredo é a chegada da nai do Padre Horacio, que se presenta como a dama máis divina e abraiante pero que ninguén sabe os motivos reais desta visita inesperada. No capítulo Mater misericordiae, a nai de Padre Casares vai exercer a súa hexemonía na reitoral, e de que maneira, xa que tratará o fillo coma se fose un neno de 10 anos, quen vai sufrir esta demostración de autoritarismo porque agora xa serían dúas as mulleres que gobernan a casa parroquial; amais o sacerdote novo séntese incómodo ante a posibilidade de que certos comentarios sobre a súa vida na vila cheguen a oídos da nai.
Pola súa parte, o Padre Crisanto tampouco está moi contento coa visita de D.ª Divina, pois non lle gusta demasiado como a matriarca intenta impoñer as súas ideas e expectativas a Horacio. Namentres, os veciños prepáranse para unha nova edición do concurso de Beléns pois o Nadal se achega con todos os seus adornos, aínda que as mulleres de Louredo só teñen ollos para Divina, a dama máis elegante que xamais pisou a vila e por iso todas queren coñecela e inventan as escusas máis peregrinas para deixarse caer pola casa dos curas. A máis lanzada de todas será Moncha, que convidará a Horacio e a nai a unha cea elegante na casa do alcalde. Outros con máis vista comercial, como Miñato, verán en D.ª Divina unha creadora de tendencias.