Chega a Louredo o singular tío de Horacio Casares, un ateo que se alía co alcalde para facer dubidar da fe no Nadal.
"Suso non sempre é Xesús", así se chama a nova aventura que acontecerá hoxe en Santo Antón de Louredo, a onde chega o singular tío de Horacio Casares, Suso, famoso por terlle regalado ao seu sobriño a famosa moto que cando chegou á vila lle serviu para desprazarse de capela en capela. Pero, nada máis chegar, Suso deixa moi claro que as súas intencións non son nada boas e que, pese a tratarse dunha visita natalicia, para el estes non son tempos de paz pois é un ateo convencido. Con esta vocación, Suso deseguido fará moi bo caldo co alcalde Delmiro, para desgraza de Moncha, a súa beata muller, aliándose con el para matinar todo tipo de argucias co obxectivo de provocar os católicos e de, se é posible, facerlles dubidar da súa fe, precisamente no tempo de Nadal.
Pero a visita de Suso non só alterará a vida do seu sobriño, sorprendéndoo cando o atopa nas portas da igrexa, senón que será Amelia a primeira en sufrir o particular sentido do humor do tío do Padre Casares e non lle fará ningunha graza a súa presencia na casa reitoral.