O "Padre Casares" está moi contrariado porque non tivo máis remedio que botar a seu tío Suso da casa reitoral, na véspera de Noiteboa e, levado polo enfado, o sacerdote novo opta por entregarlle a súa moto, en pago pola que o tío lle regalou cando chegou á vila. De momento, Suso amence na casa do alcalde, Delmiro, e na compaña do can Titán Segundo, para desgraza de Moncha, pois a primeira dama de Louredo sabe a amizade perigosa que se está forxando entre Suso e seu home, que ata Josito se escandaliza cando sabe dos plans dos dous, que pretenden facer dubidar en tempos de Nadal as crenzas máis firmes dos católicos. Nin tan sequera o Belén do concello se librará das maquinacións de Suso, empeñado en darlle un estilo novo.
Pola contra, quen está moi contento é Miñato, pois se fixo cun lote de roupa dunha mercería de Buña, que está a piques de pechar, un negocio que non é moi honrado pero ao que o "maniñas" de Louredo agarda sacarlle moitos cartos, a pesar de que as consecuencias son moi difíciles de calcular.