Noite de intriga e acción nun novo capítulo de “Padre Casares”. Miñato debe diñeiro e aos seus acredores xa non lles queda paciencia. Un matón persegue o chapuzas, día e noite, atormentándoo con serias ameazas. Asustado pola situación, recorrerá a Delmiro e a Rodrigo en busca dun traballo rápido que lle permita saldar a súa débeda e salvar o pelello. Pero non son bos tempos para atopar emprego.
Finalmente, será o alcalde quen lle ofreza unha ocupación e algo de esperanza. Pero o tempo aprema e o matón que acosa a Miñato non anda con leiras. Tal vez sexa o momento de coller o touro polos cornos e plantar cara ao seu acosador, por moi grande que sexa e por moito medo que dea... Chegados a este punto, procede preguntar: como fará Miñato para enfrontarse a tal perigo, cando de todos é coñecido o seu talento para o escapulirse?
Mentres tanto, don Crisanto non se acaba de decidir a pasar polo quirófano para extirpar ese corpo estraño que se aloxa na súa cabeza. E non é precisamente o medo o que o frea no seu afán de recuperación... É a pena que lle provoca pensar que, con esa operación, tamén desaparecerá da súa vida Santo Antonio, un compañeiro imaxinario que, nos últimos tempos, foi o seu mellor amigo.