Novo capítulo este martes da serie “Padre Casares”. Hoxe, don Crisanto segue hospitalizado e con prognóstico incerto. En opinión dos médicos, as próximas 72 horas serán cruciais na vida do ancián. Aos seus seres queridos non lles quedará máis remedio que obedecer os facultativos e facer todo o posible para que o sacerdote se sinta coma na casa. Algo que os seus veciños, como é de esperar, interpretarán á súa maneira...
Todo Louredo arrimará o ombreiro. Entre eles Delmiro, que ideará un curioso xogo para seleccionar a persoa máis adecuada, para axudar a Amelia no coidado de don Crisanto. Os elixidos, para ben ou para mal, serán Puri e Miñato. Curiosa, peculiar e sobre todo, perigosa combinación.
A estraña parella fará do pequeno cuarto de hospital un auténtico Santo Antonio de Louredo en miniatura, pero con todo o necesario para que o seu párroco emérito volva á realidade, xa sexa por morriña ou por ánimo de vinganza. Sendo como son, é fácil imaxinarse que non pararán en minucias para lograr o seu obxectivo.