As ameazas a Miñato seguen adiante no capítulo desta noite de “Padre Casares”. Hoxe, xa non hai escapatoria posible para Miñato. Tras varias viravoltas, por fin o matón que o perseguía ten acurralado o chapuzas e só un milagre pode salvarlle. E ninguén mellor, en cuestión de milagres, que a inocente Elsa. Será ela quen, por azares da vida, tope co seu veciño no lugar e no momento adecuado ou inadecuado, todo depende de como se mire.
A pastora contará na súa misión coa axuda de don Crisanto. Tal vez o ancián non sexa, a priori, a mellor opción para enfrontarse a un matón de presenza intimidatoria, pero a "divina providencia" fará todo o demais...
Pero hai algo que escama os veciños de Santo Antonio de Louredo. Que relación ten Miñato coa mafia? Como contraeu unha débeda económica tan elevada? Aínda que nin sequera o chapuzas parece estar moi seguro da orixe da súa débeda, a historia promete estar cargada de todos os elementos dunha película de matóns: diñeiro, xogo, alcol e mulleres exuberantes...
Pola súa banda, Delmiro axudaralle a Miñato a conseguir o diñeiro que debe no menor tempo posible, aínda que para iso haxa que recorrer a métodos no límite da legalidade. O problema é que as chapuzas non é precisamente unha persoa discreta, e os segredos en Louredo corren coma a pólvora.
Mentres, o pobo vive conmocionado pola decisión de don Crisanto de non pasar polo quirófano. Amelia, moi preocupada pola saúde do ancián, decidirá tomar cartas no asunto. Se é necesario, pedirá a súa incapacitación mental e a asignación dun titor legal que asine o consentimento da operación.