Por fin Miñato solucionou o seu problema coa mafia. Grazas á axuda de seus veciños, o chapuzas chegou a un acordo co seu acredor e a débeda foi fraccionada en cómodos pagos. Pero don Crisanto saíu mal parado no seu enfrontamento co matón que acosaba o seu veciño e, tras un desmaio, mantense semiinconsciente no hospital.
Amelia xa puxo en marcha o seu plan para lograr a incapacidade do ancián e obrigalo a pasar polo quirófano. Un plan que pasa, inescusablemente, por atoparlle un titor legal a don Crisanto. Decisión que recaerá nun xuíz.
E tendo en conta a falta xeneralizada de sentido común na vila, parece que a única persoa "dotada" para o exercicio de certas responsabilidades a ollos dun xuíz é Delmiro. Pero, será boa idea pór en mans do alcalde, bastión do ateísmo, a vontade do sacerdote?