A casa reitoral de “Padre Casares” recibe un novo inquilino. Don Perfecto toma posesión do seu cargo na parroquia de Santo Antonio de Louredo, aínda que don Crisanto non lle deixa exercer demasiado, ou máis ben nada. Ao cura emérito sentoulle moi mal a chegada dun novo sacerdote, especialmente cando responde a unha orde do bispo Horacio Casares, agora a cargo da diocese. Axiña o novo sacerdote deixará ver o seu lado máis moderno e conciliador, o que o converterá noutro “hippy” a ollos de don Crisanto, quen non confía demasiado na súa supervivencia na vila.
E aínda que o seu antecesor se empeñe no contrario, ao cura novo non lle faltará traballo na súa nova parroquia. A súa primeira misión será a de reconciliar a Lidia e Sindo, sumidos nunha crise de parella froito da incomunicación. E para pór en práctica a súa particular terapia, contará coa inestimable axuda de Moncha e a involuntaria do seu esposo, Delmiro. Unha terapia que podería funcionar en calquera parte, menos en Louredo. O novo sacerdote non tardará en aprender esta lección.
Mentres tanto, o cemiterio parroquial servirá de escenario para un particular encontro. Os protagonistas serán don Crisanto e un precioso can, mascota fiel dunha defunta, cuxa tumba visita a diario. Conmovido, o ancián buscará un fogar para o seu novo amigo e descubrirá con el unha curiosa historia que sucedeu nos seus fociños e da que xamais tivo noticia.