Don Perfecto bateu a marca dos curas de Louredo. Bastáronlle poucos días ao novo sacerdote para pór en pé de guerra os veciños da vila. O detonante foron unhas cervexas (sen alcol) e un partido de fútbol, unha mala combinación. Coa emoción do momento, don Perfecto confíase e di cousas sen pensar, como que o inferno non existe. O problema é que o solta diante da mesmísima Elsa.
As críticas por parte das beatas non se farán esperar: este cura é demasiado moderno e non respecta nin as crenzas da xente. Baseándose en manifestacións dos papas Xoán Paulo II e Bieito XVI, don Perfecto fará valer as súas razóns ante don Crisanto. Outro erro: ninguén en Louredo se mete co seu párroco emérito, e moito menos para intentar facelo razoar. A tensión medrará tanto que só Horacio Casares poderá mediar neste conflito.
Pero para inferno o que Lidia lles vai facer pasar aos seus clientes. A publicación dunha lista de morosos, con Delmiro á cabeza, levará a vergoña a moitos fogares de Louredo. Os máis optarán por pagar relixiosamente. Non así Delmiro, que, por non pagar, terminará pagando as consecuencias.