A pesar de que é Nadal os ruxerruxes continúan en Louredo. Agora din que Rodrigo está argallando algo, pero que ninguén sabe que. As beatas non perderán o tempo e tratarán de lurpiar a Amelia, por todos os medios. Ata Elsa se apañará para, baixo segredo de confesión, sacarlle información a don Crisanto... pero todo será en van.
Delmiro, pola súa parte, segue indignado polo triunfo do Nadal católico. O primeiro edil non tardará en vingarse dos veciños, para iso ten preparado para o aninovo unha subida no imposto da recollida de lixo. Mentres tanto, o alcalde pasa o tempo loitando contra o espírito natalicio ideando un novo plan: festexar o aniversario de Isaac Newton fronte ao de Xesús de Nazaret, ambos os dous nacidos un 25 de decembro.
Ao final o espírito de Louredo rexurdirá, unindo a toda a vila nun fin común: gañar o concurso de corais de Nadal, aínda que as dúbidas chegarán cando descubran a coral favorita: Tapeirán.