Os problemas e as liortas volven de novo a Santo Antonio de Louredo. Neste capítulo de “Padre Casares” finalmente morre a “Tía Pepa”. A anciá, que parecía tocada polo dedo de Deus e que se recuperaba tras recibir a extrema unción, falece tras un longo período de convalecencia e o seu funeral destapa unha trama de economía somerxida na igrexa e nos comercios.
Os problemas comezan cando o Concello, como é costume nestes casos e a pesar do ateo do alcalde, faise cargo de pagar a sepultura e a misa da finada pero a factura de todo o gastado no enterro non aparece. Cando Delmiro fai memoria, decátase de que a parroquia nunca estende facturas polos servizos prestados aos veciños; nin polos funerais, nin polas vodas, nin polos bautizos... Nun acto de bo facer político, o alcalde decide facer desde agora todo “polo legal”. Chega o momento de recadar impostos, que as arcas do concello de Louredo están moi mal de cartos.
Pero a investigación da igrexa non foi máis que unha faísca que avivou e comezou a queimar o resto da vila. As irregularidades aparecerán por todo Louredo: na parroquia, no bar, nos traballos a domicilio, no salón de peiteados...Un niño de economía somerxida que ten que rematar pero xa.
Á hora de recadar impostos, o concello vese na problemática de ver cal é o mellor xeito de que se paguen os mesmos, de se os impostos deben de ser iguais para todo o mundo ou cadaquén é un caso especial e o máis importante: de como este novo pagamento de taxas municipais afectará ao peto dos habitantes de Santo Antonio de Louredo.