Puri e Pepe, seu home, sorprendentemente recuperado están outra vez xuntos. El empéñase en explicar á súa muller os motivos que o levaron a desaparecer; o seu fracaso económico e o desexo de asegurar á súa familia, polo menos, o cobro dunha pensión. Pero ela non quere ouvir explicacións; o único que quere é recobrar o tempo perdido. A parella converteuse na murmuración da vila e Puri está encantada.
Con todo, a súa filla Fina non está nada contenta co regreso de seu pai. Séntese traizoada e ameaza con deixar o fogar familiar. Pero hai unha razón de peso para o regreso de Pepe: está moi enfermo e quere arranxar as cousas coa súa familia, antes de que sexa demasiado tarde. Ademais, non quere perder a oportunidade de coñecer a Antoniño, o neto.
Pola súa banda, Puri non acaba de gozar de todo do regreso de seu home. Tras quince anos de abstinencia involuntaria, a ex-viúva non comprende por que seu home evita cumprir cos seus deberes matrimoniais.