A serie que máis seguidores reúne o luns á noite pecha hoxe a súa tempada e colga o “Pechado ata novo aviso”, iso si, non sen antes atender as preguntas que os espectadores lles fan aos protagonistas da ficción, que intentarán explicar por que en Louredo sempre se morre dun xeito tan estraño.
Na vila, todos os veciños están consternados pola morte de Pepe, o home de Puri, e solidarízanse co seu sufrimento, pois a ata agora “falsa” viúva pasou a converterse en viúva confirmada e por repetición. Pero o funeral polo finado provocará máis dun desencontro, por exemplo entre Delmiro, o alcalde ateo, e súa muller, xa que inimigo como é das celebracións relixiosas prefire organizarlle unha homenaxe alternativa para quen foi o seu grande amigo e confidente.
Sen embargo, á que menos lle apetece tanta homenaxe é a Puri, que ten a cabeza ocupada na revisión das pertenzas do seu definitivamente defunto marido, e a sorpresa que vai levar é maiúscula cando atope un número de teléfono apuntado nun papel que a levará a contactar cun bufete de avogados: Pepe Espiñeira garda un último ás na manga.