Coa crise económica, que trae como consecuencia a suba do cereal, a práctica do catolicismo púxose polas nubes, e nisto Santo Antón de Louredo, a vila ficticia onde transcorre a acción de "Padre Casares", non ía ser unha excepción. Unha das máis sorprendidas por este feito é Amelia, que queda abraiada coa suba do prezo das obleas.
Ante esta situación, os fregueses da vila aventuran distintas e posibles actuacións, algunhas máis ocorrentes ca outras, coma a suxestión de intentar facer que a xente acumule máis pecados e comungue menos ou admitir que hai que modificar a forma das obleas. O que está claro é que ningún veciño vai quedar sen opinar sobre un tema que lles afecta a todos... aínda que de distinta maneira.