No capítulo desta noite de “Padre Casares”, Conchita está a piques de tomar posesión como “alcaldesa da unificación”, unha forma sutil de dicir que Louredo é seu. Ocupou o despacho da alcaldía e xa emite a súa propia versión do “Louredo Responde”. Pero os louredeses son xentes de mal dominar. Teñen incrustado no ADN o xene da rebelión e a última batalla promete ser encarnizada.
Para o ensaio da súa toma de posesión a veciña de Tapeirán convidou toda a vila, para maior rabecha de Delmiro. Neste ambiente xorde un movemento rebelde autodenominado “Louredo Resiste”, cun único obxectivo: acabar co réxime de Conchita de Tapeirán.
Os medios de comunicación danlle eco á existencia deste movemento. Primeiro, porque son simpáticos e segundo, porque a súa forma de “rebelión” é, cando menos, peculiar. Vendo en perigo a súa posición, a Conchita non lle quedará máis remedio que recorrer ao peor de Tapeirán para loitar contra a insurrección.
Delmiro será unha das primeiras vítimas desta nova medida de presión: secuestrado e “torturado” na súa propia casa, o alcalde resistirá estoicamente a extorsión dos seus inimigos. Ou iso é o que el cre.