Elsa está metida nun bo lío. Retida polos homes de Conchita tras atentar con arma de fogo contra a candidata de Tapeirán, a pastora acepta con resignación o seu destino. Todo está en mans de Delmiro e así llo fai saber a alcaldesa de Louredo: ou revela a identidade dos integrantes de “Louredo Resiste”, ou Elsa acabará en mans da Garda Civil e, por conseguinte, no cárcere.
O nivel de desesperación de Delmiro é brutal e conclúe que a solución pasa por facer un chamamento global a todos os louredeses na diáspora. Pero, como? Sinxelo: o “Luar”. Con esa idea, coarase nos estudios da Televisión de Galicia, disposto a solicitar a axuda de Gayoso, en plena emisión do programa. Pero a misión non será nada fácil.
Mentres tanto, os veciños de Louredo, en pé de guerra, concéntranse no bar de Lidia e Sindo para ver o seu líder na televisión. A situación é crítica e o “espírito de Louredo” aflora unha vez máis, con todos unidos ante a adversidade. Pero, nesta ocasión, a vila contará cunha axuda externa: Damián, o namorado de Elsa. Un personaxe que oculta detrás do seu silencio e o serrón cantareiro uns cantos segredos que lles virán de perlas aos veciños de Louredo na súa loita contra a tiranía.