Nada menos que 160 quilos de patacas foron doadas polo veciños, na recollida anual para o asilo de anciáns. Toda unha proeza se non fose porque nesta colecta participan os habitantes de Louredo e Tapeirán e estes últimos achegaron moito máis.
Unha humillación inaceptable, en opinión de Edelmiro Ferreira, alcalde de Louredo. A colecta debe continuar e os seus veciños teñen que facerse co triunfo. Non polos anciáns do asilo, que tamén, senón, sobre todo, polo seu orgullo. En momentos como este, o primeiro edil sabe que facer: apelar ao “Espírito de Louredo”. Pero todos sabemos que, cando isto ocorre, o resultado pode resultar excesivo. Aínda que Delmiro ten solución para todo. Que sobran patacas? Pois faise unha “patacada”, con concurso incluído.
Mentres, na casa reitoral, Amelia ausentouse para acudir a unha revisión médica rutineira. Na súa ausencia, será don Perfecto quen se faga cargo dos labores do fogar. Soa sensato, pero non: Perfecto e Crisanto compartindo a xestión do fogar é unha auténtica bomba de reloxaría.