Na parroquia de Santo Antonio de Louredo xurdiu un pequeno problema: a calefacción da igrexa, renovada recentemente, volveuse estragar. As baixas temperaturas están a incidir na afluencia aos actos litúrxicos. Fai tanto frío na capela que ata Elsa, a pastora, sufriu un episodio de alucinacións.
O problema, coma sempre, é que non hai cartos para arranxos. Aos curas non lles quedará máis remedio que acudir ao bispo Casares en busca de financiamento. Pero cal será a súa resposta?
Ademais, unha vez que estea arranxada a calefacción, haberá que facerlles fronte ás avultadas facturas da luz. Para este particular, don Perfecto pediralle axuda ao alcalde, Edelmiro Ferreira. É necesario manter a igrexa caldeada para que os fregueses non deixen de asistir ás misas, especialmente durante a novena de San Francisco. Que opinará de todo isto o alcalde máis anticlerical que se coñece?
Unha vez máis, o párroco de Santo Antonio de Louredo terá que apañarse para que os seus fregueses acudan puntual e comodamente ás misas da súa parroquia, a fin de que reine a paz entre eles e que factores externos, como o alcalde da vila, non se convertan nunha ameaza.