Delmiro, alcalde de Louredo, toma anticoagulantes. Nada fóra do normal nun home da súa idade, se non fóra polos efectos secundarios que lle están ocasionando. E é que o primeiro edil anda máis “ledo” do normal e busca o amor carnal da súa esposa, Moncha, con demasiada asiduidade.
A primeira dama, angustiada polo atarefado da súa vida marital, pedirá consello a don Crisanto. Pero tal vez o ancián sacerdote non sexa a persoa máis indicada para axudar a Moncha nesta materia. Partidario de atallar o problema de raíz, o cura aconsellará a administración de bromuro, xa que Crisanto é un clásico ata para isto.
Alleo ás intencións da súa muller, Delmiro descubrirá que certas cousas non funcionan como deberían. Do mesmo xeito que a súa esposa, el tamén buscará consello en alguén próximo e igual de desacertado: Maite, a súa funcionaria de confianza. Que Delmiro e Maite pasen tempo xuntos, mesmo por cuestións “terapéuticas”, non augura nada bo. Os rumores non tardarán en correr como a pólvora por Santo Antonio de Louredo, dando lugar a unha cadea de malentendidos que farán deste capítulo, primeiro desta última etapa, unha antoloxía de grandes momentos.