A resaca do Entroido aínda se deixa sentir en Louredo. A vila aínda non se repuxo da loita entre Maite e Moncha por converterse na organizadora das festas. Un combate que rematou coa división dos veciños en dous grupos claramente diferenciados: por unha banda os homes, que secundaron a proposta da funcionaria, e polo outro, as mulleres, defensoras da idea da primeira dama.
A guerra entre ambos os grupos librou a súa primeira batalla cun resultado do todo inesperado: Miñato e Sindo, nun alarde de valentía sen precedentes, secuestran a Puri. A peiteadora non tarda en proclamar as súas ansias de vinganza, o que unido a que as mulleres non pensan ceder á súa idea de Entroido a cambio da liberdade de Puri, fará aflorar o temor ás represalias nos seus secuestradores.
Mentres, o empeoramento do estado de saúde de Santi, obriga o mozo a disimular ante os seus veciños. Don Rodrigo é o único que coñece o seu segredo e, por iso, converteuse no seu compañeiro de batallas. Unhas batallas, as desta estraña parella, que os levará a gozar, ou sufrir, peculiares aventuras. Desde deixarse caer en parapente ata probar o talento para mocear de Rodrigo.