Tras a sorpresa inicial e nun esforzo por facer fronte á dor, as beatas entregáronse a un maratón de rezos. Só una delas, Elsa, parece ter unha preocupación aínda maior: pensar detalladamente que mensaxe quere para que Santi a entregue no ceo da súa parte... O que aínda non sabe nada da enfermidade de Santi e non tardará moito en decatarse é don Crisanto. O ancián sentirá profundamente o calvario do mozo, no seu corazón e na súa fe. As aparicións de Santo Antonio Abade, patrón da vila e recente compañeiro de andanzas de don Crisanto, levantarán unha dúbida no sacerdote: quizais sexa o momento de pedir e esperar unha intercesión divina, pero hai tanta necesidade de milagres no mundo...
Máis práctica será a reacción de Delmiro quen, alleo á resignación de Santi, apelará á solidariedade dos seus veciños en busca dunha solución desesperada, dunha posibilidade de supervivencia do mozo. Unha vez máis, o espírito de Louredo invadirá a pantalla da Televisión de Galicia.
Miñato, pola súa banda, decidirá aproveitar o tempo que lle quede ao seu amigo para facerlle todo o feliz que poida, aínda que para iso teñan que revivir as maiores trasnadas da súa infancia.
E Amelia, quen tantas veces exerceu como unha segunda nai para Santi, estará tan afectada que a súa tristeza se volverá ira por momentos... por non sabelo antes e pola negativa do mozo a seguir loitando.