Aos veciños de Santo Antonio de Louredo, a morte de Santi, por repentina, afectoulles máis aló do previsible. O sancristán estaba a piques de gañar a súa batalla contra a enfermidade, pero o achado dun doador compatible chegou demasiado tarde. Agora choran a súa perda e por encima de todos Amelia, incapaz de perdoarse a si mesma que as últimas ocasións en que tivo a Santi diante acabaron discutindo amargamente.
Neste clima, don Rodrigo comunica aos seus veciños a existencia dunha carta de despedida. Á lectura acode toda a vila. O manuscrito recolle a súa última vontade: Santi quere que o seu funeral o oficie don Crisanto e que acuda toda a vila, incluído Delmiro.
En opinión dos veciños, isto tradúcese en tres problemas: convencer a Crisanto para que oficie, a Delmiro para que asista, e a Crisanto para que admita a presenza de Delmiro na igrexa... E a todo isto hai que unir a situación persoal dunha Amelia incapaz de perdoarse a si mesma.