O bautizo do fillo de Ana e David provocará unha nova situación de tensión entre os veciños de Santo Antón de Louredo na nova entrega de "Padre Casares", a serie dos luns que conseguiu atraer a máis dun terzo dos espectadores galegos en capítulos pasados.
Esta noite, o alcalde "roxo" da vila, Delmiro, négase a que o seu neto sexa bautizado polo rito católico e organiza unha cerimonia civil no concello. Fronte a el, as faccións católicas, comandadas por Don Crisanto e secundadas pola freguesía que asiste habitualmente ás misas de Don Horacio, farán todo o posible por boicotear este acto e intentarán que teña un bautizo "como Deus manda". Pero Delmiro garda un ás na manga: está disposto a presentarlle ao bispado a súa petición de apostasía.