Santo Antonio de Louredo converterase na entrega que esta noite ofrece a Televisión de Galicia nun concello pioneiro na loita a favor do medio natural. Seguindo o exemplo do Parlamento de Galicia, o alcalde "roxo" Delmiro pretende instalar na vila un innovador sistema de calefacción xeotérmica. Unha representación do concello viaxará ao Parlamento para coñecer os pormenores da aplicación desta enerxía renovable.
Ademais dos problemas habituais aos que se enfronta o home de Moncha nas súas funcións de rexedor municipal, neste capítulo o párroco máis querido da televisión, Don Horacio Casares, enfrontarase a un serio dilema económico para poder axudar a súa freguesía.