Pasado o Nadal, o intento de guerra apocalíptica contra os veciños innomeables, a colonización por parte de Conchita de Tapeirán, e a salvación in extremis de Santo Antonio de Louredo grazas ao retorno dos veciños na diáspora, as augas volven á normalidade.
Esta bonita expresión que en calquera vila de Galicia é sinónimo de tranquilidade, sosego e paz. Menos en Louredo. Aquí paz, pouca. Sosego menos. E a tranquilidade está contraindicada.
Para comezar, un raio desafortunado deixará vacante a praza de bispo da diócese. Culpable? Crisanto. Ou, polo menos, de iso o acusan propios e estraños. E Delmiro feliz. Normal. Pero pouco lle dura a felicidade. Maite encontrará parella. Onde? onde a Delmiro máis lle vai doer.
A parroquia terá novo sancristán, que, por manter a tradición, será un desastre. Divertido, pero desastre. Crisanto alporizarase ata o extremo. E cando isto pasa, a súa saúde reséntese, co cal, teranlle que enviar axuda. Un novo sacerdote chegará a Santo Antonio de Louredo. A ela chegarán novas e polémicas advocacións da Virxe, roubarán os obxectos máis insospeitados e seguirá funcionando como crisol dunha vila que poñería en risco a estabilidade emocional do máis pintado.
No Louredo laico as cousas non apuntan maneiras. A crisis esperta o enxeño. E de todos é sabido que a combinación de enxeño e Louredo adoita ser explosiva. Unha polémica obra de teatro servirá para financiar os moi necesarios servizos sociais do concello, as patacas serán motivo de desgusto para máis dun, e o feísmo arquitectónico levarán ese desgusto a Louredo enteiro.