O comezo de ano para Louredo pódese dicir que foi como Deus manda: visita do novo bispo, todo o mundo de punta en branco e estala unha tormenta que acaba coa festa. Onde foi parar o raio? Ao mesmísima cocote de súa excelencia.
Mentres, os louredáns seguen na súa liña. Por exemplo, xa é coñecida a historia do fugaz matrimonio de Elsa co músico rueiro de pasado estafador e que deixou a Elsa coa dúbida de se o seu matrimonio está consumado ou non.
No capítulo desta noite, Elsa segue decidida a resolver esta dúbida. Na súa investigación acudirá, entre outros, a don Crisanto. O caso é que as súas indagacións non lle van botar moita luz e aínda se sentirá máis confusa ao descubrir que, quizais, o seu matrimonio nunca existiu.
O que si pasou foi a noite tola de Maite e Josito. Quen o sabe ben é Puri, que os pillou no leito do pecado e na súa propia casa. Eles mesmos non saben exactamente o que pasou pero, fartos de ser a diana dos ruxerruxe e tras a expulsión de Josito da casa da súa sogra, decidirán dar un paso máis. Ata onde?
Mentres tanto, na casa reitoral apareceu unha Virxe. Pero non se trata de nada milagroso. Moi ao contrario, a Virxe aparecida é unha imaxe de gusto discutible; horrible a ollos de Amelia, pero preciosa aos de Crisanto. A imaxe, como é de esperar tratándose de Louredo, converterase en nó dunha retorcida trama.