Personaxes e espectadores da serie Padre Casares van vivir, por primeira vez, un capítulo en tempo real, "Luns de Entroido". Ao longo dunha hora en que pode ocorrer calquera cousa, sobre todo porque estamos en tempo de Entroido e porque en Santo Antonio de Louredo unha hora pode dar para moito. Para empezar, que os veciños se están a preparar para a festa máis pagá do ano e o local social énchese de máscaras, serpentinas, anuncios de lacoadas, filloas, orellas e unha gran sorpresa para o final da velada.
Na vila, os louredanos pasean cos seus mellores disfraces, para ser os máis orixinais, pero este ano a Moncha e a Puri sáelles o tiro pola culata pois van coincidir na festa co mesmo vestido; pola súa parte, Horacio Casares anuncia que vai ser o seu último Entroido en Louredo e para don Crisanto a hora que dura este capítulo será unha das máis longas da súa vida, pois o sacerdote agarda con temor a vinganza de Delmiro pola broma que lle gastou o ano pasado coas supostas aparicións de Fidel Castro en Louredo...así que o vello vivirá estes sesenta minutos como unha terrible agonía...ata que se descubra a sorpresa do alcalde.