Ao conto do Padre Casares deste luns vanlle saír uns cantos lobos. Para comezar Josito, outra vez en Louredo, convértese no centro de atención de todos os comentarios da vila, sobre se haberá ou non reconciliación entre o aspirante a funcionario e a súa moza; o panorama preséntase cru, con Moncha, a irmá, e Puri, nai da afectada, moi indignadas pola suposta conduta licenciosa do cuñado do alcalde, Delmiro, a quen tamén lle move o rancor porque o deixou tirado para irse a Canarias coa noiva. Ante semellante situación, a Josito, visiblemente máis delgado, non lle queda outra opción que pedir en matrimonio a súa dourada Fina e asinar unha tregua co primeiro edil, baixo quen sabe que condicións...
Na parroquia, Horacio, que segue preocupado pola perda de visión de Amelia, aproveita a celebración do mércores de Cinza para anunciar oficialmente a súa despedida de Louredo, para pasar uns meses de preparación en Santiago, antes da súa partida cara a Roma. Pero tantas veces dixo o sacerdote o mesmo que os veciños xa non cren o conto do lobo.