Parece que por fin, tras moitos intentos errados, Elsa descubriu o amor. Porque nin Nandi, nin o gaiteiro, nin sequera Sindo, o seu amor platónico, levaron un auténtico e xenuíno “morreo” como o que lle estampou Damián, o músico rueiro, no episodio da semana pasada.
Agora Elsa vive confundida e Damián ameazado. Porque a pastora teme deixarse levar e sufrir por amor; e o misterioso galán teme a don Crisanto, que o viu todo e está disposto a defender a escopetazos a honra da súa freguesa.
As que non perderán fío desta historia son as veciñas da vila, ás que nada lles gusta máis ca unha novela de amor. E, á cabeza de todas, está Puri que, cal Celestina, organizará o seu séquito de cotillas para, baseándose nun estudado plan, unir a parella de maneira definitiva.