Os espectadores poderán como Santo Antonio de Louredo segue revolto polo peche da súa igrexa. E é que a acampada de don Crisanto fronte ao templo como símbolo de protesta non é o único conflito. A ausencia dun local adecuado para usos relixiosos estase a converter nun quebradeiro de cabeza para moitos, xa que nun sitio tan peculiar como Louredo hai opcións para todos os gustos.
Unha das persoas que máis contenta debería estar co peche da igrexa é Delmiro. O seu soño dun Louredo laico, sen curas nin igrexas, está a punto de converterse en realidade, aínda que o alcalde non o está a gozar tanto como lle gustaría. Delmiro non está disposto a gardar máis o segredo, polo que obrigará o Bispo a que conte, dunha vez por todas, o verdadeiro motivo do peche. Presionado polo rexedor, o Bispo visita Louredo e, como sempre que o fai, non será unha viaxe tranquila.
Mentres tanto, Puri segue sen saber que facer con todos os cartos que herdou. A ex peiteadora está disposta a axudar os seus veciños, custe o que custe, aínda que a maioría das súas propostas para mellorar a calidade de vida do lugar non parecen ter moita aceptación. Nun xesto altruísta sen precedentes, Puri intentará axudar a Lidia e Sindo cos seus problemas económicos, pero a taberneira non está disposta a aceptar limosna. A situación é máis grave do que parece e, se o matrimonio non acepta os cartos de Puri, verase obrigado a pechar o seu negocio.