O punto de partida da nova tempada de “Padre Casares” non pode ser máis polémico, xa que a igrexa está pechada por culpa de Delmiro, que situou no templo a orixe da infección que sufriron boa parte dos veciños tras o funeral do home de Puri. A demora na resolución do conflito ten a don Crisanto dos nervios polo que, para esixir a reapertura da igrexa e emulando os “hippies” que tanto deostou en tempadas anteriores, ten montada no adro unha acampada de protesta para escarnio dos seus fregueses en xeral e do alcalde en particular.
Sacando a relucir o seu lado máis combativo e reivindicativo, o párroco está disposto a non abandonar o lugar ata ver a súa igrexa outra vez en funcionamento. Pero, por suposto, a súa postura xerará tensións, e todo Louredo intentará que desista. O bispo intentarao polas boas e Delmiro, polas malas. E se para iso ten que mobilizar os antidisturbios farao. O que non sospeita o vello crego é que detrás do peche da igrexa agóchase un misterio que ameaza o futuro de Santo Antonio de Louredo como parroquia.
Mentres todo isto sucede no adro da Igrexa, no salón de peiteados de Puri as cousas tamén están revoltas. A vida da peiteadora cambiou completamente e parece non saber que facer con tantos cartos como herdou, convertida na muller máis rica da redonda. Fina e Josito, fartos dos seus agasallos inútiles, obrigarán a Puri a que deixe de mercar todo canto se pon ao seu alcance. Coñecendo o seu carácter, non parece unha tarefa sinxela, aínda que pode que esta vez o seu xenio lle xogue unha mala pasada.
Pero aínda hai máis no arranque da nova tempada da serie: unha monxa fuxida, un noivado imposible, o bispo que ameaza a vila de secuestro, unha médica en prácticas, un falso sepelio, mortes que non o son e retornos de vellos personaxes. En resumo, “Padre Casares” promete durante as próximas semanas xusto aquilo que gusta da serie: esa mestura de tenrura e humor que fai de Louredo unh