Baixo o título de Crego ou becerro?, Padre Casares amosa como desde que se fixo pública a intención do señor bispo de pechar definitivamente a igrexa de Louredo, practicamente ningún veciño acode alí á misa. A maioría prefire desprazarse ao templo proposto pola súa Ilustrísima, o que provoca en don Crisanto un profundo desgusto. O vello párroco non pode competir coas modernidades que ofrece a nova igrexa: un edificio moderno, de gran capacidade e con calefacción. Por primeira vez en moito tempo vese perdido, derrotado.
As beatas están encantadas coa nova situación, todas salvo Amelia, que non entende como o resto de mulleres esqueceu xa o que don Crisanto fixo todos estes anos por elas. Decidida a facelas entrar en razón, Amelia intentará facerlles ver ás beatas o erro que están a cometer. E farao a calquera prezo. A cousa apunta a traxedia, o que, en versión Louredo, adoita significar un caos de proporcións bíblicas.
Mentres tanto, Delmiro está empeñado en reabrir o bar de Lidia. A taberneira segue sen querer o diñeiro de Puri e moito menos tras decatarse de que é a responsable da sabotaxe levada a cabo por Miñato. A ex-peiteadora pretendía, deste xeito, que Lidia se vise obrigada a aceptar a súa axuda. Sen auga e sen diñeiro para o arranxo, o bar parece que seguirá pechado unha boa temporada. Aínda que Delmiro non está disposto a permanecer un día máis sen un lugar en que poder xogar a partida, e se non é na de Lidia, terá que buscar outro sitio.