Despois de abandonar Santo Antonio de Louredo co firme propósito de cumprir os seus soños, Maite regresa á vila. Todos os veciños a reciben entusiasmados menos un: Delmiro. O alcalde non lle perdoa que o deixara tirado e está disposto a facerllo pagar. Para isto, ofrécelle un traballo absurdo e pouco agradable, pero o éxito da vinganza do alcalde dependerá da paciencia da que veña provista a funcionaria.
Pero Maite non volve soa a Louredo. Ademais de pola pequena Iria, vén acompañada dunha noviza fuxida do convento a quen recolleu facendo autostop a poucos quilómetros da vila. A rapaza non tarda en converterse no tema de conversación das veciñas e todas queren saber dela, pero Sabela, que así se chama, non está disposta a satisfacer a súa curiosidade. Chegou a Louredo fuxindo e non quere que a atopen, polo menos de momento. Pero para isto debe saber que en Santo Antonio de Louredo un debe facer esforzos inxentes para non chamar a atención. Unha lección que vai tardar en aprender, xa que Sabela ve truncado o seu desexo de pasar desapercibida ao salvar a Urbano dunha morte segura.