O Padre Casares e don Crisanto prepáranse para oficiar a misa do Aninovo, pero Santi non acaba de chegar e, cando por fin fai acto de presencia, aínda lle dura a borracheira do día anterior, así que o vello e o novo sacerdote temen que este sexa un presaxio do que lles agardará en 2010, cando a igrexa cumpre nada menos que 300 anos. Coa entrada do novo ano, os louredáns agardan o inminente anuncio doutra edición do xa tradicional concurso de roscóns de Reis, aínda que o alcalde prepara plans novos; amais, non quere que este ano lle estraguen o tradicional salto do porco das festas patronais, polo que vai inventar algo para manter distraído o Padre Casares.
Quen parece que non vai ter moita paciencia co que lle depara o ano novo é o párroco emérito de Louredo, pois don Crisanto, ante as prohibicións do réxime que lle impuxo o doutor, non está disposto a sufrir máis da conta para seguir vivo, e vaise pegar unhas enchentes ás agachadas que enfadan o Padre Casares, quen lles mandará ás mulleres da vila que se organicen para vixiar o párroco, como se dos seus anxos se tratase.
O único paisano que parece ter entrado con bo pé en 2010 é Miñato, de quen se rumorea que anda cunha muller e que foron vistos nunha discoteca pola zona de Ferrol, motivo polo que o chapuzas anda medio desaparecido e ten moito traballo pendente.