A un día do comezo das festas patronais, a celebración do tradicional "salto do porco" segue no aire, xa que Delmiro non atopou a forma de desfacerse do Padre Casares. A solución chega en forma dun providencial catarro: ao saber que o cura está arrefriado, Delmiro fai correr a voz de que podería tratarse dun caso de gripe A.
A noticia propágase rapidamente por todo o lugar. A xente, atemorizada, escapa correndo da misa, como se o cura fose un apestado. Horacio non dá creto e insiste en que non ten a gripe A, pero Delmiro conta coa complicidade de don Crisanto e de Camilo. O médico de Tapeirán recoméndalle a Horacio que se peche na reitoral mentres non chegan os resultados da análise de sangue.
Co cura fóra de combate, os habitantes de Louredo afánanse en celebrar o "salto do porco". Pero as présas e o medo á gripe A fan que non se presente ninguén na igrexa.
Doutra banda, a relación de Miñato con Milucha segue o seu curso. El quere tomar as cousas con calma, pero "a última de Ferráns" está impaciente por contraer matrimonio. Explícalle a Miñato que súa nai anciá está enferma do corazón e ela só poderá herdar a súa fortuna se está casada. Ao principio, Miñato amósase reticente ao compromiso, pero finalmente fai un anuncio que deixa de pedra aos veciños.