Hai unha gran noticia en Santo Antonio de Louredo que trae a todos os veciños polo aire porque van perder o seu solteiro máis famoso, o casamento de Miñato. O chapuceiro atopou o amor nos brazos de Milucha, coñecida en toda a parroquia como "a derradeira", e pode que non sexa a máis fermosa, pero para Miñato si que o é, sobre todo tendo en conta que, unha vez casados, Milucha herdará unha importante cantidade de cartos.
Como marca a tradición, toca despedida de solteiro e os louredanos prepáranse para unha celebración ao grande e sen mulleres...ou polo menos sen as femias oficiais. Así xorden rumores para todos os gustos sobre se será unha despedida ao uso tradicional, un striptease ou hai quen pensa que podería ser nun "puticlub". Pero con Delmiro, o alcalde, organizando a festa, todo pode chegar a pasar, namentres que ao Padre Casares e a D.Crisanto non lles fai demasiada graza.