O irmán de Moncha, Josito, volve a Louredo acompañado pola súa querida Fina.
Delmiro vaille propoñer a Josito que se reincorpore ao concello, como antano. O primeiro edil precisa persoal no consistorio, xa que está ben cargado de traballo debido á marcha de Maite. Pero o problema é que Fina, a muller de Josito, convértese na Yoko-Ono do Concello de Louredo, polo que Josito ten outras aspiracións propiciadas polo espírito algo “trepa” da súa muller.
Coma en todas as casas galegas, os xantares de benvida son ben típicos, así como as rifas entre familiares nos mesmos. Na mesa dos Ferreira a tensión cortarase con coitelo e Fina e Moncha, as cuñadas, terán unha liorta ben gorda que deixará a Josito e á súa muller fóra da casa. Pero o problema non remata aquí, xa que Josito e Fina buscarán un lugar onde pasar a noite, e como non, recorren á casa de Puri.
Mentres os Ferreira seguen rifando, a parroquia está a sufrir unha nova provocación por parte dos seus inimigos de Tapeirán. A aparición duns carteis mofándose da “particular” restauración da imaxe da Virxe, farán que o mal xenio de don Crisanto saia coma un volcán en erupción. O párroco terá que buscar á modelo máis fermosa para inspirar unha nova figura, e o encargado de facer a busca será, como non, Miñato. O “chaíñas” de Louredo pensa que Fina poderá ser a candidata perfecta, pero a Josito non lle fará moita graza, e menos cando descobre que a Miñato lle gustan as modelos “ao natural”.