Delmiro xa non sabe que facer para incrementar o censo do seu municipio e así manter a alcaldía. Cun vídeo promocional, cos nenos de Louredo como protagonistas, o alcalde intentará captar novos habitantes para a vila, unha idea cualificada de peregrina pola oposición. E cando falamos de oposición, Delmiro tena na casa: a súa muller, Moncha, xa está a preparar as maletas disposta a fuxir. O que sexa antes de que Tapeirán os colonice.
E falando de Tapeirán, Delmiro descubrirá de boca da mesma Conchita que a súa obsesión con Louredo ten un só motivo e obxectivo: a oportunidade de vinganza. A inimiga máis mediática de Louredo ameaza con afundir a vila, pechar todos os negocios e arruinar os veciños, cousa que sucederá cando Louredo se anexione a Tapeirán. En canto descobre isto, a Delmiro xa non lle parece tan mala idea a fuxida que Moncha lle propón.
Mentres tanto, Damián, o único novo veciño de Louredo, adáptase aos poucos á súa nova veciñanza. A quen semella gañarse por completo é a Amelia, que se empeñará en unir definitivamente a parella de namorados que acaban de formar Elsa e o misterioso músico de rúa. E xa se sabe que cando os veciños de Louredo se poñen a exercer de celestinos, as consecuencias adoitan ser desastrosas.