Comeza un novo ano que promete moitas novidades para os de Santo Antonio e non é que os últimos meses fosen precisamente tranquilos: intentos de estafa, dramas matrimoniais, a peor crise da historia e ata aparicións marianas se sucederon nesta vila peculiar.
Agora a freguesía, cando case nin terminou de tomar as uvas, terá que enfrontarse á inminente marcha de don Crisanto. O vello párroco sente que xa non ten nada que achegar á parroquia e decide pór terra polo medio. Con todo, unha visita inesperada podería cambiar por completo o rumbo dos acontecementos.
Ademais, aos de Santo Antonio sobraralles tempo para entremeterse na relación da parella de moda: Maite e Miñato. Tras o seu soado primeiro bico, parece que os namorados volven ter dúbidas e por riba os veciños están dispostos a complicarlles as cousas tanto como lles sexa posible.