Josito segue visitando a casa da súa moza ás agachadas, aínda que lle resulta difícil escapar ao control da sogra con máis perigo de Louredo: Puri. Coma se dun auténtico calvario se tratase, a perruqueira non fai máis que fustrigar a seu xenro. Este ano, o eterno candidato a funcionario non parece que teña intención de participar nas procesións de Semana Santa, xa que está vivindo a súa paixón particular.
Un ano máis, o concello de Louredo prepárase para a cea tradicional de funcionarios, e Josito é o encargado de organizala. Ademais, por primeira vez, o interino foi formalmente convidado. Mentres tanto, con Horacio exercendo de ermitán lonxe da parroquia, don Crisanto promete unha Semana Santa do máis tradicional. O penitente deste ano será Marquiños de Tapeirán, nun intento de redimirse polo roubo do Santo Antonio, o entroido pasado.
Pero, aínda que non vaia na comitiva oficial, a Josito a procesión iralle por dentro. O cuñado de Delmiro recibirá unha oferta de traballo tentadora do alcalde de Ferráns. Unha desas ofertas imposibles de rexeitar. Será capaz Josito de negar a seu alcalde? Traizoará a seu cuñado e mentor? Será esta a súa derradeira cea ao carón de Delmiro?