Elsa está irrecoñecible. O seu cambio de imaxe para conquistar o corazón de Mandi deixou sen palabras a todos os veciños. Tras seguir os consellos de Miñato, a pastora soltouse a melena e non pensa aceptar un non por resposta. Pero, despois da historia de Iria e Horacio, as beatas non van permitir que ningunha muller de Santo Antonio intente seducir a un futuro sacerdote.
Mentres, Mandi só pensa na maneira de conseguir que o readmitan no seminario. O bispo accedeu a darlle unha última oportunidade así que volverá a Louredo para entrevistarse con el e tomar unha decisión definitiva. Ao apoio de Horacio pronto se sumará o de toda a parroquia, aínda que para iso se sirvan de medios máis ben pouco ortodoxos.
Doutra banda, Delmiro e Don Crisanto continúan limando asperezas respecto ao nome da praza do pobo. Ademais o alcalde descubrirá un segredo do pasado do vello párroco que nin sequera imaxinaba que puidese existir.