Un problema co repetidor deixa sen sinal de televisión a toda a parroquia. A reparación encargaranlla a Miñato, a chapuza desencadeará unha consecuencia inesperada: en Santo Antonio só poderá verse unha canle que noutros tempos terían que clasificar, cando menos, cos coñecidos dous rombos.
Á vez, a morte dun veciño reduce a mil o número de habitantes de Santo Antonio. Unha baixa máis no censo suporía que Louredo deixe de ser concello, así que o seu alcalde necesita atopar a maneira de engrosar o padrón municipal. Delmiro atará cabos e verá na nova canle o incentivo perfecto para aumentar a natalidade.
Nunha parroquia tan relixiosa este asunto podería abarrotar o confesionario, pero o que de verdade preocupa a Horacio e a don Crisanto é a saúde de Amelia. Ademais dos mareos que sufría, agora ten unha cegueira repentina que asusta profundamente aos curas. Horacio terá que convencela de que non poden esperar máis para acudir ao médico.